Youtube

Unha viaxe no tempo ata a Idade do Ferro

Vento e Chuvia introduce ao lector no fascinante mundo da Idade do Ferro. Dez prodixiosos deuses que poboaron os mitos da antiga Gallaecia cobran vida nun universo con alicerces nos últimos descubrimentos da arqueoloxía e das ciencias do pasado pero sobre o que voa ceibe a imaxinación e a fantasía, enchendo con soños os ocos baleiros da ciencia.

Manuel Gago, apoiado visualmente polas vibrantes ilustracións de Manel Cráneo, emula unha viaxe no tempo con gravadora para colleitar as vellas historias que se contaban na noite dos castros e fiar con elas a historia dos deuses galaicos, ou sexa, as orixes máis profundas do rico imaxinario da sociedade tradicional galega. Un libro apaixoante, distinto, que causará gran impresión e que trae a máis vella mitoloxía galega coñecida ao noso imaxinario do século XXI.

Nauia aprendeu cabo dos seus pais e dos sabios as ciencias todas en Caenabriga, agachada na fortaleza no medio dos bosques, e foi medrando. Por cada ciencia que o seu pai lle aprendía, ela aparecía sabendo outra máis, descoñecida para o seu pai. Se o seu pai lle aprendía a tocar a frauta, ela poucos días despois sabía tocar a cornamusa e se o seu pai lle ensinaba a lingua dos animais, ela aprendía a lingua dos mortos.

Novembro-Decembro 2013

Calendario de presentacións e sinaturas de Vento e Chuvia

Os autores de Vento e Chuvia

E agora si, desta vez a tolemia barreu a Terra toda. O Cossue do Candamio, mudado en oso, á fronte da súa inmensa e infernal hoste de mortos, de fortaleza en fortaleza foi, plantando batalla e aniquilando os homes que estaban comestos pola peste da ambición. E os homes tremían de medo ante o exército de mortos, frío coa friaxe metida nos ósos rotos antes de abrir o sol.

Materiais adicionais

Usa os códigos secretos impresos e manuscritos do teu exemplar de Vento e Chuvia!

[para o código impreso no libro] Accede ao making of, ás localizacións reais nas que están ambientadas as historias de Vento e Chuvia, a propostas de roteiros e a materiais gráficos que te permiten aumentar estas historias ata o infinito. Entrar.
[para o código manuscrito por Manuel Gago no teu libro] O universo de Vento e Chuvia é inesgotable. Accede a tres historias adicionais que te permiten comprender historias a penas entrevistas no libro. Entrar. 

Así que Bormánico e Maghilos se internaron sen máis no Bosque Németo. O bosque era tan impenetrable que a luz do sol non pasaba por el e creaba tanto pavor que nin os animais bravos se atrevían a entrar nel. Bormánico vendou os ollos a Maghilos, en parte para que non coñecese o camiño, en parte para que non se asustase ante os terribles prodixios que se vían naquela devesa.

Tenda e servizos