Vento e Chuvia

You Are Viewing

Vento e Chuvia para Educación

Disfruta de Vento e Chuvia a través da palabra, a ciencia e a literatura

.
Vento e Chuvia durante unha lectura no IES de Porto do Son (A Coruña) a cargo do profesor Xosé A. Pérez Silva

Propoñémoste dúas actividades para bibliotecas e institutos ao redor de Vento e Chuvia. As dúas actividades están incluídas no programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura.

Duración: 60 minutos
Dentro do programa Ler conta moito
Adaptable a diferentes tramos de idades
Necesidades técnicas: ordenador + proxector (na actividade de Manuel Gago)

1. Mitos e deidades da época dos castros: da ciencia á literatura
Información dentro do programa Ler conta moito
Contacto: Manuel Gago (magago@gmail.com)

Que hai de realidade e que hai de ficción no exitoso libro Vento e Chuvia, Mitoloxía da antiga Gallaecia? A través de imaxes, vídeos e narración, o profesor Manuel Gago conduce ao alumnado á aventura da investigación científica ao redor das deidades nas que creron os galaicos da Idade do Ferro, explicando as técnicas científicas para identificar a relixión e crenzas dos nosos devanceiros e discutindo cos alumnos a pervivencia dos mitos, a súa transformación ou a súa desaparición. Unha entretida sesión para coñecer as fronteiras entre a literatura e a realidade pero, sobre todo, para coñecer máis a fondo o descoñecido mundo dos castros.

2. “Vento e Chuvia”: os antigos deuses galaicos contados por Sole Felloza

Información dentro do programa Ler conta moito
Contacto: Sole Felloza (soledadfelloza@gmail.com / 635952820)

Soledad Felloza leva da man da palabra e a oralidade ao público a un mundo imaxinario que, no seu tempo, existiu no territorio da vella Gallaecia da Idade do Ferro: a dunha mitoloxía rica e plena de deuses ata agora case descoñecida para o público xeral. A partir da recreación literaria das deidades da época dos castros, a rapazada obtén unha visión máis rica e ampla do universo de crenzas e o sistema simbólico e relixioso dos antigos galaicos.

VENTO E CHUVIA PARA RAPAZAS E RAPACES

O profesor do IES Porto do Son Xosé A. López Silva escribe sobre Vento e Chuvia e o seu uso no ensino.

Manuel Gago e as palabras do tempo

Vento e chuvia (Vigo, Xerais, 2013) é unha orixinal achega de Manuel Gago que mistura a ficción dos relatos de heroes e deuses baixo os ecos da reconstrucción do pasado prerromano -e polo tanto- prehistórico, de Gallaecia. Dialogan, pois, dous tipos de ficción acerca da Idade do Ferro no Atlántico e os seus mitos: a ficción do historiador que pescuda datos e entremistura tanto posibilidades coma hipóteses, e a do escritor, quen toma como base as escasas pegadas desta labor reconstructiva, da arqueoloxía e da lingüística, para elaborar de xeito libre pero tras un exhaustivo, longo e demorado traballo de documentación, este feixe de relatos baseados nos deuses e guerreiros dunha sociedade asolagada polo mar do tempo.

Manuel Gago escolle, así, dez deuses prerromanos do panteón galaico e os coloca como protagonistas de historias que buscan ser, conscientemente, míticas. Ese é o xermen, construción e destino do libro. Non esquezamos que a primeira acepción de mito é, precisamente, relato.
O mito transmítese, transmitiuse de xeración en xeración a través de historias como estas. Sorprende e engaiola a capacidade narrativa de Manuel Gago para capturar e achegar a esencia máxica e sagrada que subxace nestas narracións e en calquera mito. Son relatos para ler en voz alta, para recuperar o pracer non só da lectura mesma, senón da educación dos novos gromos, a semente viva do pobo que atopa sentido e identidade na palabra compartida e na tradición.

Probei a facer unha lectura con adolescentes. Disfrutaron tanto e percibiron relacións entre personaxes que a min se me pasaran desapercibidas. Mesmo ollaron conexións con outros relatos míticos que coñecían. Un texto como o de Manuel Gago amosa non só a pervivencia, senón a pertinencia destes relatos, do mito en xeral.

Platón, por boca de Sócrates, remataba a República diciíndolle a Glaucón que necesitabamos mitos. Que o mito pode salvarnos, se o salvamos do esquecemento.